Friday 26 de April de 2024

O VI Festimaxia Lousame 2021 incluirá unha exposición sobre a muller na maxia


O certame incluirá tres espectáculos de maxia gratuítos todos os domingos de novembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura

A concelleira de Cultura de Lousame, Silvia Agrafojo, o mago Romarís e a técnica de Cultura lousamiá, Teresa Baluja, veñen de presentar a sexta edición do Festimaxia Lousame 2021, que incluirá tres espectáculos que terán lugar todos os domingos de novembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura. Todas as actuacións serán de acceso gratuíto, previa inscrición en bandoticket.com.

Así, sobre o escenario lousamiá actuarán o Mago Romarís, con “Maxia potáxica” o domingo 14 de novembro. O 21 de novembro será a quenda de David Méndez, con “Maxia de aquí e de acolá”; mentres que Miguel de Lucas pechará o certame co espectáculo “Olé”. Paralelamente, Silvia Agrafojo destacou que “ao longo do mes de novembro vai haber unha exposición titulada As mulleres no mundo da maxia. Con isto o que pretendemos é visualizar o papel das mulleres magas que, aínda que foron moitas, son bastante descoñecidas. Queremos achegarnos a magas como Juliana Chen, Inés Molina… entre moitas outras. Pensamos que é algo bonito e importante”.

Obradoiro de maxia

Así mesmo, a concelleira puxo en valor que “ao longo de catro días do pasado mes de outubro levouse a cabo na Casa da Cultura un obradoiro de maxia no que os rapaces e rapazas de Lousame tiveron a oportunidade de aprender un montón de trucos, que agora xa están levando ás casas. De feito, xa me comentou algunha nai que non paran de facer os trucos que aprenderon”.

Algo que tamén salientou o Mago Romarís, quen lembrou que este obradoiro de maxia “é fundamental para crear afección desde pequenos. Unha oportunidade para que os rapaces se sorprendan de si mesmos e do que poden facer. Rapaces e rapazas, que foron maioría e ás que lles encanta a maxia porque che permite desenvolver a creatividade, o sentido do humor e relacionarte con outras persoas”.

O mago Romarís asegurou que “a maxia é o espectáculo por antonomasia para o público familiar porque hai para todos. Dende rapaces pequenos ata rapaces de 90, porque é algo que nos transforma a todos en nenos. Cando vemos aos magos que fan cousas imposibles, non podemos evitar un sorriso. E un espectáculo no que están nenos, papás e avós todos xuntos, iso vale ouro. E en Lousame traballamos para que a maxia sexa un espectáculo familiar”. Neste sentido, puxo en valor que xa son seis anos de Festimaxia en Lousame: “incluso me atopei cun rapaz que me dixo que fixera un show comigo e lle preguntei cantos anos tiña e me dixo que doce, pero daquela tiña cinco. Impresionante”.
A sexta edición do Festimaxia Lousame 2021 está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración coa Deputación da Coruña. A entrada é de balde, se ben haberá que seguir os protocolos Covid en vigor no momento da actuación e, en todo momento, levar máscara, hixienizar mans e manter a distancia de seguridade.